
A profecía do vello druída da fortaleza de Baroña, onde o rei Brath fora asasinado polo seu fillo Corrub, habíase cumprir: “o que morreu con traizón voltará polo mar, entrará no castro tres veces e entón recuperará o reino usurpado polo seu fillo. E o rei será raíña e a espada será o seu signo”.
Morgún –aquel meniño aparecido na lagoa onde moran as señoras da maxia e preto da Laxe do sol e da lua, a pedra onde están escritos todos os destinos dos vivos– será o brillante guerreiro que libere da indignidade a aquela comunidade que asistirá ao nacemento do seu señor Breogán.
Esta novela épica de Suso de Toro ten por narrador a Dous Corvos, un guerreiro que narra o acontecido a Morgún, a quen el chama Lobo Máxico, un héroe celta que foi atopado cando meniño cun ollo de cada cor e cunha manda de lobos protexéndoo.
A súa é unha historia chea de sangue, de feitos grandes e por-tentosos, de loitas, de terríbeis desgracias, de cabezas cortadas (que o destaco por que Pepa ten razón, son moitas) e de maxia."Morgún" é Un relato épico celta enchido de maxia, profecías, venganzas e destinos de heroes e semideuses.
Unha narración que fusiona o relato de aventuras cos dramas shakesperianos e coas traxedias gregas. Unha novela de espada, maxia e bruxería chamada a converterse nun clásico popular da nosa narrativa.
Rosalía
Etiquetas: ler, literatura, Rosalía